Santiago, 3 de novembro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez afirmou hoxe no Parlamento galego que “a recuperación da memoria democrática das mulleres debe ser completa, extensa e inclusiva, non estreita e reducionista como piden os grupos da oposición”.
Noelia Pérez afirmou que o PPdeG “defende ás mulleres fortalecendo as accións transversais a todas as áreas de goberno en prol da igualdade de xénero e de oportunidades, e poñendo en valor a memoria democrática das mulleres galegas”.
“Son moitas as accións realizadas pola Xunta para rememorar, rescatar e por en valor a participación das mulleres de Galicia na loita pola democracia e a igualdade”, sinalou a deputada popular. En concreto, referiuse a material didáctico existente para poñer en valor a estas mulleres (como a Guía de feminismos, o proxecto Aprende coas mulleres galegas ou o Plan Donas de si); a traballos de investigación realizados sobre mulleres singulares; a exposicións que permiten visibilizar e recoñecer a loita das mulleres galegas; ou o Plan cuadrienal de memoria democrática que se levará a cabo ata 2024. Así mesmo, apuntou o proxecto da Memoria dixital de Galicia ou as medallas Emilia Pardo Bazán.
Deste xeito, Noelia Pérez rematou incidindo que “levamos anos traballando na visibilización e no recoñecemento, nun sentido amplo e inclusivo, de mulleres e homes que sufriron as consecuencias da Guerra Civil e de quen loitou contra a ditadura na defensa dos seus dereitos e liberdades”.