Santiago, 20 de xaneiro de 2022.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, avogou hoxe por avanzar na modificación da Lei de inclusión social de Galicia para adaptala ao ingreso mínimo vital, co obxectivo de que esta reforma sexa aprobada ao longo do presente ano 2022. Así mesmo, insistiu na demanda ao Goberno central para que proceda á transferencia á Comunidade galega da xestión do ingreso mínimo vital (IMV).
Alberto Pazos afirmou que a reforma da Lei de inclusión social de Galicia “debe afrontarse cun rigor incompatible coa precipitación, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás, porque a Risga só se extingue cando xa está concedido o ingreso mínimo vital”.
ASPECTOS FUNDAMENTAIS DA REFORMA
En concreto, explicou que os aspectos fundamentais desta reforma será adaptar a Risga ao contexto do ingreso mínimo vital; simplificar e reducir a burocracia; crear programas e complementos perceptores do ingreso mínimo vital; redefinir a Risga para quen non pode acceder ao ingreso mínimo vital; e prestar acompañamento técnico no proceso de inclusión social que non contempla o ingreso mínimo vital.
No debate dunha proposición non de lei do BNG, Pazos lembrou que “desde o Grupo Popular chegamos a dous acordos parlamentarios cos nacionalistas baseados en tres obxectivos básicos: garantir a complementariedade do ingreso mínimo vital e a Risga, coordinar o transvase seguro entre ambas rendas e solicitar a cesión da xestión do ingreso mínimo vital a Galicia”.
“Lamentablemente, ningún deses obxectivos se cumpriu porque nos tres casos existe un responsable claro, definido e único: o socio de Goberno do BNG en España, é dicir, o Partido Socialista”, dixo o portavoz popular. Neste sentido, lembrou que o Goberno de España modificou ata seis veces a regulación do ingreso mínimo vital, a última delas na propia aprobación do IMV no pasado mes de decembro, e negouse a habilitar un mecanismo de compensación entre administracións, “ao mesmo tempo que ao País Vasco, Navarra e Cataluña se lles comprometía a xestión do ingreso mínimo vital por interese partidista”.