Santiago, 6 de xuño de 2017.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, avogou hoxe no Parlamento polo “diálogo por enriba dos intereses partidistas para sacar adiante a mellor Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia”.
Gonzalo Trenor salientou que “houbo diálogo previo á elaboración do texto lexislativo, houbo diálogo durante o trámite de audiencia e houbo diálogo no procedemento de exposición pública tanto con asociacións como con colectivos, colexios ou protectores”.
FALAR E SEGUIR DIALOGANDO
“Imos falar e seguir dialogando, estudando todas as emendas que presentaron os grupos da oposición”, avanzou o portavoz popular, quen lamentou que o grupo socialista “non vai dialogar e van votar en contra desta lei por puro tacticismo electoral”.
Neste sentido, criticou aos socialistas por “facer afirmacións un tanto arrogantes, e permítanme que me fíe máis dos galegos e galegas cos que falamos que de vostedes, que lle vexa máis credibilidade aos outros grupos do Parlamento e que lles diga que a preocupación do Grupo Popular e de todos os colectivos e asociacións cos que estivemos é máis sincera que a súa”.
ADOPCIÓN DE ANIMAIS ABANDONADOS
Gonzalo Trenor salientou que o proxecto de Lei “fai unha importante aposta por priorizar e potenciar a adopción dos animais abandonados, establecendo unha regulación específica para a recollida, a adopción e a acollida dos mesmos, que unicamente responde a respectar o benestar e a protección dos animais obxecto de adopción”.
“De aí que os prazos establecidos para a recollida dun animal abandonado polo seu propietario nun centro tamén responden a un criterio de protección animal, tendo en conta que os animais realmente abandonados poderán ser adoptados nun prazo menor, reducindo así o tempo no que o animal ten que permanecer no centro de recollida sen poder pasar a formar parte de familias responsables, interesadas e comprometidas no benestar animal”, indicou.