Santiago, 26 de maio de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada defendeu hoxe no Parlamento galego continuar co impulso do Plan de turismo termal de Galicia, como mecanismo de actuación cooperada entre a Administración do Estado, a Xunta, os concellos e o sector privado, e que amose o atractivo termal existente nas catro provincias galegas.
José Antonio Armada rexeitou a proposta do PSdeG de poñer en marcha plans termais provinciais porque as actuacións en cada provincia galega “están englobadas no Plan Termal de Galicia, independentemente de que existan propostas das propias deputacións provinciais ou dos concellos beneficiados polos recursos termais”.
“A Xunta está a traballar na reactivación conxunta do turismo termal galego, polo que hai que darlle impulso ao plan autonómico”, incidiu o deputado popular. Neste sentido, salientou a celebración anual da Feira Internacional de Turismo Termal (Termatalia), que este ano terá lugar o 16 e 17 de setembro en Expourense, na que se pretende situar a Galicia como destino internacional para o turismo de saúde e benestar.