A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, demandou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta solicite, en diálogo coas tres universidades galegas, o aumento do número de prazas públicas no mestrado universitario en profesorado, ao tempo que reforza a colaboración coa UNED para incrementar a oferta de prazas a distancia do máster de profesorado que actualmente oferta esta institución en Galicia.
Cecilia Vázquez explicou que o Mestrado en Profesorado é unha titulación habilitante e requisito indispensable para acceder ao corpo docente de secundaria, FP, bacharelato e escolas oficiais de idiomas, “polo que garantir unha oferta suficiente e de calidade é un obxectivo esencial da política educativa galega”.
“Estamos diante dun desaxuste común en toda España, o que está provocanto tanto o incremento das matrículas en universidades privadas como a escaseza de perfís profesionais moi específicos, mentres noutras áreas hai exceso de titulados”, sinalou a portavoz popular.
MESES TRABALLANDO
Na actualidade, Galicia conta con máis de 800 prazas no mestrado de profesorado “e desde o Goberno galego xa levan meses traballando, tanto coas universidades galegas como coa UNED, para incrementar a oferta e mellorar a formación do futuro profesorado”.
Porén, Cecilia Vázquez tamén considerou necesario que o Goberno central axuste a oferta das facultades á demanda real do sistema, tanto agora como nos próximos anos; e mellore a formación e as competencias do profesorado, revistando tamén os temarios de oposicións que levan anos desactualizados e desconectados da realidade dos centros educativos.