O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por “continuar centrados en desenvolver a folla de ruta de loita contra os incendios forestais que nos demos na Comisión de Estudo celebrada en 2017, un plan trazado para reverter o abandono do rural e que tardará décadas en desenvolverse, como xa estaba previsto nas conclusións, pero que avanza a bo ritmo e polo bo camiño”.
Alberto Pazos criticou a “hipocrisía” do BNG ao solicitar a creación dunha comisión de investigación sobre a vaga de lumes do mes de agosto “porque unha vez máis esixen que celebremos un xuízo político cuxa sentenza xa fixeron pública”. “Estamos diante dun novo chanzo na súa estratexia de difamación, de insulto e de confrontación, un novo intento de polarización dunha sociedade galega allea aos seus intentos por impoñer un relato totalmente alonxado da realidade deste país”, apuntou.
QUINTA SOLICITUDE DE COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN
“Prantexan o quinto debate da lexislatura solicitando unha comisión de investigación, despois de que neste Parlamento xa comparecera para falar dos incendios o Presidente da Xunta, foran interpeladas as conselleiras de Medio Rural e de Medio Ambiente e o director xeral respondeu a preguntas da oposición na Comisión correspondente”, lembrou.
Así mesmo, considerou “sorprendente que se cuestione a eficacia dun dos mellores servizos de extinción do mundo por número de efectivos, por formación dos mesmos e polos medios dos que dispón; que se cuestione o uso de axudas europeas en labores de prevención, que están perfectamente planificadas; e que se cuestione e medición provisional da superficie queimada, cando xa se explicou neste Parlamento as distintas formas de computar e os fallos nas mesmas”.