Santiago, 6 de xuño de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, avogou esta tarde no Parlamento por esperar á aprobación definitiva do novo Plan Forestal de Galicia para determinar o conxunto de medidas máis axeitadas para control das plantacións de eucalipto na Comunidade galega.
José González lembrou que “as directrices finais para a revisión do Plan Forestal, pactadas e aprobadas polos representantes do sector, xa establecen que debería manterse ou mesmo reducirse a superficie arborada ocupada por eucalipto, ao tempo que se aumenta a superficie arborada ocupada por coníferas, en especial piñeiro do país, ou frondosas caducifolias, mediante o fomento da plantación de castiñeiro, carballo, cerdeira, nogueira, freixo e bidueiro”.
FÓRA DAS L IÑAS DE AXUDA
“O PPdeG non está a favor do monocultivo de eucalipto en Galicia”, asegurou o portavoz popular, quen subliñou que “a Xunta non subvenciona a plantación de eucalipto desde hai uns 20 anos”. “Todos os anos se publican liñas de axuda para plantacións, das que está excluído o eucalipto e incluídas as frondosas caducifolias”, sinalou.
Así mesmo, González Vázquez referiuse aos expedientes sancionadores incoados pola Xunta de Galicia por plantacións de eucalipto. En concreto, dixo que desde o ano 2012 realizáronse cerca de 1.650 notificacións, abríndose 470 expedientes sancionadores, por diversos motivos como plantación en terreo de protección agropecuaria, curta sen autorización; plantación de eucaliptos onde había frondosas; repoboación ilegal; curtas non autorizadas e posterior plantación de eucaliptos no lugar de frondosas; ou non respectar as distancias esixidas.
REGULAR OS CULTIVOS ENERXÉTICOS
Respecto dos cultivos enerxéticos forestais, José González explicou que “están permitidos na Lei de Montes de Galicia, en aplicación de políticas dirixidas á redución paulatina no uso de combustibles fósiles con fins enerxéticos, e considerando o papel da biomasa como fonte de enerxía alternativa con emisións neutras de dióxido de carbono”.
“Desde o PPdeG non compartimos a opinión de que deban prohibirse, se ben as condicións para a realización destes cultivos enerxéticos deben ser reguladas de acordo coas directrices comunitarias ambientais e de promoción das enerxías renovables no marco da revisión do Plan forestal galego”, apuntou.