Santiago, 8 de abril de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, avogou hoxe no Parlamento galego por “intensificar os procesos de cribado e detección precoz do cancro, co obxectivo de reverter na medida do posible o problema de déficit de diagnósticos provocado pola pandemia sanitaria no 2020”. Así mesmo, demandou ao Goberno galego que avalíe a implementación de novos sistemas de cribado e detección precoz do cancro para casos e tipos que hoxe aínda non estean sendo incorporados aos procesos que leva a cabo o Sergas.
Encarna Amigo recoñeceu que “a aparición da pandemia e a declaración do Estado de Alarma impactou en todos os eidos da sociedade, provocando que se atrasaran actividades dos programas de cribado de cancro, do mesmo xeito que no resto das actividades sanitarias non urxentes”. “Con todo, foi retomándose toda esta actividade en canto foi posible para garantir a adecuada cobertura a toda a poboación obxectivo destes cribados”, indicou.
Dentro da estratexia contra o cancro, a Consellería de Sanidade ten en marcha nestes momentos tres programas poboacionais de cribado: mama, colorrectal e cérvix.
RECUPERAR DEMORAS
No caso concreto do programa de detección precoz do cancro de mama, Encarna Amigo dixo que “se está levando a cabo actividade extraordinaria para poder recuperar pequenas demoras que se puideran ter producido como consecuencia dos dous meses de paro a que obrigou a pandemia sanitaria, un tempo considerado aceptable en base a evidencia científica dispoñible para garantir os estándares de calidade do programa”.
O programa de cribado de colon cancelou todas as citas nos centros de saúde e a actividade hospitalaria de colonoscopia programada a partir do día 13 de marzo. A actividade reiniciouse a mediados do mes de maio, priorizando aquelas persoas con cita para unha primeira colonoscopia e aquelas que presentan datos de sospeita de lesións máis avanzadas. Así mesmo, en novembro do pasado ano retomouse o envío de test á poboación diana do programa. “O Sergas está intensificando toda a actividade de cribados para poder recuperar os meses de paralización”, asegurou a portavoz popular.
Respecto do programa de detección precoz do cancro de cérvix, Amigo manifestou que “retomouse en novembro de 2020 co envío de cartas recordatorio ás 100 primeiras mulleres invitadas, e a partir do mes de xaneiro se realizaron novas invitacións”.