Santiago, 26 de marzo de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avogou hoxe no Pleno “por unha regulación a nivel nacional sobre a actividade dos grupos de interese antes de proceder a unha lexislación específica para Galicia”.
Neste sentido, lembrou que o PP xa presentou unha proposición de lei para a reforma do regulamento do Congreso, de xeito que se cree un rexistro público obrigatorio e inclúa un código de conduta para todos os deputados, co obxectivo de dar garantías de que esta actividade se realice de forma transparente e con pleno respecto á legalidade.
Paula Prado explicou que a proposición de lei presentada polo Grupo Socialista “deriva dunha recomendación do Grupo de Estados contra a corrupción (Greco) con medidas dirixidas ao Goberno do Estado, non ás comunidades autónomas”. En concreto, dixo que “dirixe a España dúas medidas contra a corrupción: sostén que a Xustiza non é de todo independente e di que non están regulados os grupos de interese, de maneira que non se coñece quen se reúne e quen fala cos deputados e senadores”.
“É dicir, a recomendación afecta exclusivamente aos parlamentarios e non menciona aos gobernos, polo que resulta sorprendente que os socialistas galegos redirixan a súa iniciativa cara a Xunta e se esquezan curiosamente do que lle afectaría directamente”, sinalou.
A viceportavoz popular lembrou que “nós xa dixemos que preferimos agardar a ver como queda regulada a nivel estatal esta cuestión antes de lexislar na Comunidade galega” e neste sentido lembrou a resolución aprobada no último Debate sobre o Estado da Autonomía na que se solicitaba ao Goberno do Estado que impulse a aprobación de normativa básica reguladora da actividade dos grupos de interese e da protección das persoas denunciantes de corrupción.
“Esta resolución foi aprobado cos únicos votos favorables do Grupo Popular, mentres que os socialistas se abstiveron e En Marea votou en contra, do mesmo xeito que fixeron coa proposición de lei do PP no Congreso”, subliñou Paula Prado.
Deste xeito, Prado salientou que “foi o PP quen tomou a iniciativa en España sobre este tema, sen contar co apoio do resto dos grupos parlamentarios; foi o PP quen tomou a iniciativa en Galicia, sen o apoio da oposición; e foi o PP o que aprobou na pasada lexislatura neste Parlamento galego, tamén sen apoio dos grupos da oposición, un paquete normativo de impulso democrático: a Lei de participación cidadá, a Lei de servizos xurídicos, a Lei de transparencia, a Lei de financiamento de partidos políticos, e as leis para a reforma de órganos estatutarios como o Consello Consultivo, o Consello de Contas e o Valedor do Pobo”.