Santiago, 14 de xuño de 2022.- A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por unha revisión da Lei de montes veciñais en man común de xeito participativo, incorporando na mesma todas as recomendacións recollidas no ditame da Comisión de estudo da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, así como do Plan Forestal de Galicia.
Elena Candia amosou o “pleno convencemento de que os montes veciñais en man común son unha figura a protexer, e a actualización e mellora da súa lei é unha forma clara de protexelos, ao tempo que imprescindible”.
FIGURA PROPIA DO DEREITO CIVIL DE GALICIA
“Os montes veciñais en man común son montes privados en copropiedade, unha figura propia do Dereito Civil de Galicia”, lembrou a portavoz popular, quen insistiu en “tres características propias: son inembargables, son imprescriptibles e son inalienables”.
Así mesmo, manifestou que “queremos aumentar a súa capacidade produtiva, a valoración dos recursos, mellorar a súa organización e a súa xestión”, para o que solicitou aos grupos da oposición a facer aportacións no proceso de consultas previas á revisión da Lei de montes veciñais “desde o rigor e a responsabilidade”.