9 de novembro de 2022. O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, afirmou hoxe no Parlamento galego que “a emancipación real da mocidade pasa por unha formación de calidade que permita ter máis oportunidades no mercado laboral”.
Neste sentido, dixo que “fronte a unha oposición convencida de que se á xente nova lle vai mal a eles lles vai ir ben, o PPdeG seguirá traballando por unha xeración que xa é presente pero que, sobre todo, é futuro”.
Adrián Pardo incidiu que “canto mellor sexa a educación e a formación aumentan as posibilidades de acceder a un primeiro emprego de calidade”. Así, sinalou que “o sistema educativo galego está ao nivel dos mellores de Europa, o que fixo reducir en case 18 puntos a taxa de abandono escolar”.
MENOR PORCENTAXE DE XENTE NOVA PARADA
Ademais, apuntou que “temos 61.000 alumnos en formación profesional, un 75 por cento máis que no 2009, dos que ao rematar a súa formación o 85 por cento terán unha inserción rápida no mercado laboral e o 100 por cento se falamos da FP Dual”. “Estes datos, xunto coa aposta da Xunta por ter unha universidade máis accesible, coas taxas máis baratas de España, permite que case a metade dos ocupados de entre 16 e 29 anos teñan unha titulación superior, seis puntos por enriba do ano 2014”, destacou.
A nivel de emprego, Adrián Pardo dixo que “Galicia destaca como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de parados menores de 30 anos sobre o total de empregados”, salientando que “os datos laborais referidos á mocidade en Galicia melloraron ao longo de todos estes anos: desde a taxa de ocupación ata a taxa de actividade”.
“En definitiva, fronte a unha oposición que cando goberna é un desastre, en Galicia hai un goberno do PPdeG que sabe xestionar e que ao longo destes últimos anos mellorou todos os datos no que se refire á mocidade”, rematou.