A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, destacou no Pleno do Parlamento galego o “firme compromiso do Goberno galego para seguir impulsando medidas que rompan barreiras en materia de igualdade laboral e garantan que o talento e o esforzo sexa o único que determine o futuro laboral das mulleres galegas”. En concreto, salientou que nunca houbo tantas mulleres traballando en Galicia, o paro feminino é dous puntos máis baixo que a media estatal e a fenda salarial está na menor cifra da serie histórica.
Noelia Pérez referiuse ás medidas adoptadas polo Goberno galego para combater a desigualdade laboral e fomentar a incorporación das mulleres en sectores masculinizados, así como os máis de 72 millóns de euros que este ano se destinarán ao apoio a autónomas e emprendedoras.
MEDIDAS DO GOBERNO CENTRAL
Neste sentido, demandou ao Goberno central que “adopte as medidas que lle estamos pedindo desde Galicia para abordar de verdade as desigualdades laborais e sociais que aínda persisten”. En concreto, solicitou que “o Goberno de Pedro Sánchez flexibilice os fondos finalistas de emprego para que a Xunta poida adaptalos á realidade e ás necesidades das mulleres de Galicia ou que transfira a Galicia a recadación do IRPF das cotizacións das traballadoras autónomas en concepto de formación profesional”.
“Non podemos aceptar que queiran vir a darnos leccións sobre igualdade laboral os mesmos que teñen afogados ás pequenas e medianas empresas e autónomos e autónomas, porque desde que o Partido Socialista chegou a Madrid, co apoio gratuíto do BNG, os custos laborais disparáronse un 40 por cento, acadando os 54.000 millóns de euros”, manifestou a portavoz popular. Así, apuntou que “esta situación supón máis custes sociais, que se traducen en menos empregabilidade para as mulleres e unha rebaixa dos salarios”.
Por outra banda, Noelia Pérez criticou o “feminismo intermitente” do BNG, “para o que existen mulleres de primeira e de segunda, pedindo respecto para unhas e non para as outras”. “Iso non é feminismo, é sectarismo, e están a xerar división baixo o paraugas de igualdade”, incidiu.
“A inmensa maioría das mulleres de Galicia estamos fartas de que o BNG nos use para o seu discurso mentres temos que soportar os seus machismos, os seus desprezos e o seu paternalismo”, afirmou a portavoz popular.