2 de maio de 2023. O Grupo Popular buscará no Pleno da vindeira semana o compromiso do Parlamento galego co marco lingüístico recollido na Constitución, no Estatuto de Autonomía, na Lei de normalización lingüística de Galicia e nos plans de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico e na mocidade, xunto coa aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Así mesmo, pedirá ao Goberno central o urxente arranxo do firme das autovías A-6 e A-52, e que estableza un plan de conservación anual de todas as estradas de competencia estatal en Galicia.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que na sesión plenaria procederase ao debate e votación da iniciativa lexislativa popular sobre medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria. Neste sentido, lembrou que esta iniciativa “tramítase de acordo co establecido na Lei que o PPdeG reformou no ano 2015, co voto en contra de BNG e PSdeG, e na que se recolle a obriga de que todas as ILP deben entrar para o seu debate no primeiro ou segundo pleno ordinario, unha vez cumpran os trámites establecidos”.
COMPARECENCIA EMPREGO
A continuación, a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade comparecerá no Pleno, a petición propia, para informar sobre o balance e presentación do Plan de acción en materia de emprego para 2023. Esta comparecencia servirá para dar conta da Estratexia Xempre, na que se inclúen todas as actuacións dirixidas a traballadores autónomos, á economía social, ao emprendemento, á contratación e aos plans Emprega. Ademais, dará conta da situación na que se atopa a renovación do Servizo Público de Emprego e falará sobre os programas incluídos na Estratexia Retorna.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, e tendo presente a próxima celebración do Día das Letras Galegas, o Grupo Popular defenderá o marco lingüístico recollido na Constitución, no Estatuto de Autonomía e na Lei de normalización lingüística, así como a convivencia cordial e normalizada entre o galego e o castelán. Puy salientou que, segundo os últimos datos coñecidos, “a lingua galega medra en prestixio e coñecemento dentro da poboación galega, xa que a entenden o 98,9 por cento e a fala con fluidez o 86,5 por cento dos cidadáns”. “Non hai ningún tipo de conflito lingüístico, senón que temos un sistema bilingüe equilibrado, ao que tamén se suma a aprendizaxe de linguas estranxeiras no sistema educativo galego”, apuntou.
PREGUNTAS SOBRE ATENCIÓN PRIMARIA
Pedro Puy explicou que a segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo solicitar ao Goberno central que proceda, con toda a celeridade posible, a arranxar o firme deteriorado das autoestradas A-6 e A-52, así como establecer un plan de conservación anual de todas as estradas de competencia estatal. “Estamos a recibir queixas constantes sobre o estado do firme destas autovías, que se pode facer extensivo a outras infraestruturas do Goberno central, o que prexudica a competitividade do territorio e a chegada de turistas á nosa comunidade”, sinalou.
Por último, e no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas reformas e equipamentos efectuados pola Xunta para incrementar a capacidade asistencial e diagnóstica dos centros de atención primaria e, máis en concreto, as melloras na atención primaria na comarca do Salnés. En terceiro lugar, cuestionará sobre as repercusións que a futura Lei estatal de vivenda terá en Galicia, unha norma que invade competencias autonómicas.