Santiago, 27 de marzo de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, amosou esta tarde a súa satisfacción logo de que a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciara no Parlamento a instalación dun módulo semellante ao Nelson Mandela no centro penitenciario pontevedrés de A Lama.
“En concreto, engadiu que xa se iniciaron os trámites co Ministerio do Interior para que este novo módulo poida poñerse en marcha antes de que remate este ano 2019”, lembrou.
Na resposta á viceportavoz popular, Fabiola García defendeu a ampliación deste programa, no que Galicia continúa a ser pioneira en España porque dez anos despois da súa implantación no cárcere de Teixeiro se ten convertido nunha referencia a nivel europeo, presenta un balance positivo e está a ser útil para facilitar a transición das persoas internas cara á vida de novo en liberdade.
Marta Rodríguez explicou que “unha vez que a persoa interna cumpre a súa condena actívase unha rede de apoio que funciona en coordinación cos servizos sociais municipais, as entidades que traballan no eido da inserción e cos 18 equipos comarcais de inclusión dos que dispón a Consellería de Política Social a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”.
A viceportavoz subliñou, recollendo a información facilitada pola conselleira no Parlamento, que “o programa Nelson Mandela tómase como exemplo fóra de Galicia, e en 2010 foi recoñecido polo Ministerio do Interior coa Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario”. “Así, en 2011 recibiu a visita do que daquela era comisario de Asuntos Sociais da Unión Europea, Lázslo Andor e neste mes de xuño farase desta iniciativa no Congreso Europeo de Servizos Sociais que se celebrará na cidade italiana de Milán”, apuntou.