O Grupo Popular centrará as súas demandas no Pleno da vindeira semana no ámbito do transporte, reclamando unha vez máis que o Congreso levante o bloqueo ao que ten sometido a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia e pedindo que o Goberno central cese na súa discriminación a Galicia en materia ferroviaria, tanto na reposición da frecuencia de servizos, a venda anticipada de billetes ou a chegada do AVE a todas as cidades galegas.
Ao remate da Xunta de Portavoces, onde a Mesa do Parlamento galego deu conta da cualificación da candidatura de María Concepción Pombo Otero á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Sanidade para informar sobre as políticas da Xunta en materia de prevención de enfermidades e vacinación.
TRATAMENTO INDIGNANTE COA AP-9
Dentro do apartado de proposicións non lei, o Grupo Popular insistirá, unha vez máis, na demanda para que a Mesa do Congreso levante o bloqueo ao que ten sometida a tramitación da proposición de lei, aprobada por unanimidade neste Parlamento galego, para a transferencia da AP-9 a Galicia. Alberto Pazos considerou “indignante” o tratamento que está a recibir esta proposición de lei, con case 50 aprazamentos do prazo de presentación de emendas, ante o que anunciou que “imos seguir insistindo nesta demanda ata conseguir que se poña fin a esta actitude obstrucionista e denigrante que está a sufrir a transferencia da AP-9 a Galicia”.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular está relacionada co transporte ferroviario e a través dela pídense varias cuestións “para que os galegos poidamos gozar dun servizo ferroviario de calidade que realmente atenda as nosas necesidades”.
FRECUENCIAS, BILLETES E CHEGADA DO AVE
En concreto, a iniciativa pide que se repoñan de inmediato todas as frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia e que, a día de hoxe, aínda non se teñen recuperado; que se elabore un plan de continxencia que avalíe as causas e posibles solucións ante as frecuentes incidencias que sofren os usuarios do tren en Galicia, co obxectivo de garantir o cumprimento de tempos de viaxe e de horarios; que se dote ás cidades de Lugo e Ferrol de alta velocidade, de xeito que as súas estacións tamén reciban trens AVE; e que cese, dunha vez por todas, a discriminación que para Galicia supón as diferentes políticas de venda anticipada de billetes por parte de Renfe, facilitando a planificación de viaxes e o acceso a prezos máis competitivos.
Por último, no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas novidades do novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-2027, dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos, que conta con máis de 130 medidas e dispón de máis de 700 millóns de euros de orzamento; sobre os beneficios acadados en 2024 polos cidadáns galegos na adquisición de vehículos que tributan ao 3 por cento, logo de que a Xunta habilitara axudas para a adquisición de vehículos usados, diminuíndo o tipo de gravame para a súa compra en 5 puntos porcentuais, ao pasar do 8 ao 3 por cento; e pola valoración que fai o Goberno galego sobre o conflito que afecta á cooperativa de vivendas en alugueiro social no barrio de Xuxán en A Coruña, onde a imposición de novas esixencias por parte do Instituto de Crédito Oficial está a botar abaixo as expectativas de acceder a unha vivenda a un prezo accesible e lonxe do carácter social da promoción.