Santiago, 24 de marzo de 2021.- O Grupo Popular acadou hoxe a unanimidade no Pleno do Parlamento galego á súa proposición non de lei a través da que se esixe do Goberno de España o encargo para os estaleiros de Navantia en Ferrol da construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.
O deputado popular José Manuel Rey saudou o cambio de postura dos socialistas galegos, “que finalmente apoian esta demanda indispensable para o futuro da comarca de Ferrolterra, logo de que ata agora se puxeran á marxe para non ofender ao Goberno de Pedro Sánchez”. Así, avogou porque “esta mesma votación dos socialistas se repita no Pleno do Senado de mañá, de xeito que manteñan a coherencia na súa postura a nivel nacional”.
SITUACIÓN DIFÍCIL
“Ferrol ten vivido momentos difíciles, pero nunca na historia recente unha situación tan difícil”, sinalou o deputado popular, porque “se non hai traballo en Navantia o comercio non vende, os hostaleiros non traballan e a cidade se apaga”.
José Manuel Rey sinalou que “ademais da carga de traballo inmediata para o estaleiro é imprescindible recuperar o estudo de viabilidade para a implantación do Estaleiro 4.0 en Navantia Ferrol, aprobado en outubro de 2016; e o Plan de Modernización do Estaleiro Navantia Ferrol, aprobado en xullo de 2018”.
Neste sentido, lamentou que “o Goberno socialista, como tantas veces na súa historia, mirou cara o sur e freou o Plan de modernización envolto na cortiña de fume dos misiles, retrasaron a orde de execución das fragatas e fixeron desaparecer os investimentos para Navantia Ferrol”.
NECESIDADES ESTRATÉXICAS
“O Goberno de Pedro Sánchez recibiu nos orzamentos de 2018 unha partida de 250 millóns de euros para o proxecto das fragatas F-110, que ían supoñer carga de traballo para unha década e 7.000 novos empregos”, lembrou o deputado popular, quen lamentou que tres anos despois “nada se sabe do inicio das fragatas F-110, os orzamentos do Estado non levan investimentos para o dique seco arredor do que xira o Estaleiro 4.0, non hai licenza para o taller de subbloques e este mes parte o último AOR fabricado para a Armada Australiana que deixa as gradas totalmente baleiras”.
Para rematar, José Manuel Rey demandou que “pensemos no presente dunha cidade e dunha comarca, e das 1.000 familias que poden perder o seu emprego, porque si miramos para outro lado e nos conformamos con boas palabras non conseguiremos que un martes do mes de abril o Consello de Ministros aprobe o que por unanimidade aprobamos en Ferrol e neste Parlamento para dar resposta ás nosas necesidades estratéxicas”.