26 de abril de 2023. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a xestación subrogada “é unha realidade moi delicada e extremadamente sensible polo que require un debate en profundidade, serio e sereno”.
“A nosa sociedade ten evolucionado nos últimos anos e o Partido Popular quere atender e afrontar con rigor todas as necesidades que teñen hoxe as familias no noso país, sempre dentro do ordenamento xurídico vixente”, apuntou.
Paula Prado avogou por un debate sobre a xestación subrogada que, “tras escoitar aos expertos, tanto desde o ámbito científico, como xurídico e ético, nos permita dialogar, debater e construír xuntos un posicionamento que dea unha resposta clara e de amplo consenso ante un tema tan importante que afecta á vida, á dignidade humana e a conciencia de todos”.
SEN INTENCIÓN DE MODIFICAR A LEI
“Neste momento, ninguén ten iniciado nin anunciado un proceso de modificación lexislativa do sistema vixente sobre a xestación subrogada no noso ordenamento xurídico”, sinalou a viceportavoz popular, polo que lamentou que “este debate xurde, en quente, pola influencia de novas aparecidas na prensa do corazón”.
Así, lamentou que “unha portada dunha revista do corazón serve como escusa perfecta para que a esquerda feminista, achicharrada polos efectos indesexados da Lei do só si é si, busque un tema que lles permita intentar tapar a aprobación da lei que máis ten prexudicado a defensa dos dereitos das mulleres en democracia”. “Unha esquerda que ten feito un trapo a bandeira feminista e pretende restañala alimentando este debate”, incidiu.
A viceportavoz popular apuntou que “o argumento fundamental é a mercantilización do corpo da muller xestante, que pasa a ser explotada e a sufrir violencia de xénero, e todo iso aderezado cos imprescindibles condimentos do patriarcado e o capitalismo”. Porén, criticou que “lles preocupa moito estas situacións, pero nada a trata de mulleres con fins de explotación sexual, sobre o que levamos cinco anos esperando por unha Lei de trata que xa figuraba no Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobado en 2017”.