Santiago, 20 de xuño de 2018.- O deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado manifestou hoxe no Pleno do Parlamento que “resulta divertido ver que toda a oposición de esquerdas está a pedir que se suban as taxas universitarias á xente do común”. Neste sentido, salientou que, “desde a chegada ao Goberno galego do Presidente Feijóo, a política de prezos e taxas universitarias en Galicia vense caracterizando por ser a mínima legal permitida”, e explicou que “a Xunta xa contempla nos seus orzamentos unha compensación ás universidades para paliar o orzamento que se aforran as familias”.
“Galicia é desde o ano 2012 a comunidade coas taxas universitarias máis baratas de toda España, froito dunha política de contención de prezos e de consenso coas universidades”, salientou Fernández Prado. Neste sentido, lembrou que o vindeiro curso 2018-2019 será o sétimo de conxelación dos prezos públicos de matrícula nas universidades galegas.
COMPLEMENTOS RETRIBUTIVOS
O deputado popular sinalou que os ingresos derivados das matrículas dos universitarios galegos representan unha partida relativamente pequena dentro do conxunto de ingresos das universidades. “De todas maneiras, a Xunta aprobou o Plan galego de financiamento universitario 2016-2020 no que se contempla un apartado específico destinado a complementos retributivos e compensación por matrículas, incluído como unha parte do financiamento das universidades”.
Deste xeito, Martín Fernández concretou que nos orzamentos da Xunta “figura unha partida orzamentaria específica con créditos asociados a complementos retributivos e compensación de matrículas”, ao tempo que nos convenios asinados en 2015 coas universidades galegas tamén se recolleu a previsión para a determinación desta compensación.