A deputada do Grupo Popular María Deza considerou hoxe no Pleno “imprescindible mobilizar as vivendas baleiras para dar solución á oferta de vivendas en alugueiro”, polo que demandou que “todas as administracións remen, na esfera das súas competencias, a prol da mellora das condicións de desenvolvemento do solo, do aumento da oferta e da mobilización do parque existente”.
María Deza explicou que o Goberno galego “procura incrementar a oferta de vivenda existente non só coa creación de vivenda nova, con medidas que incentiven a xeración de solo finalista ou con incentivos que melloran as condicións de acceso á vivenda, senón tamén coa aposta pola rehabilitación do parque existente a través de programas como o Rexurbe”.
Na súa intervención, a deputada popular afirmou que os pequenos propietarios “non poñen as súas vivendas no mercado do alugueiro porque, en primeiro lugar, moitas requiren un importante investimento para acondicionalas e, tamén, porque teñen medo a non cobrar, ás okupacións, a que lles esnaquicen as súas propiedades ou a que os cambios continuos de prezos e duración de contratos os deixen en situación de indefensión”.
POLÍTICA ERRÁTICA DO GOBERNO CENTRAL
“Medos todos eles derivados da política errática levada a cabo polo Goberno de España nos últimos anos e que causa unha grande inseguridade xurídica a moitos propietarios de vivendas, que prefiren mantelas baleiras”, sinalou.
Neste sentido, María Deza destacou as actuacións postas en marcha pola Xunta para impulsar o incremento de vivendas baleiras en alugueiro, como o programa de vivendas vivas ou o programa de mobilización de vivendas para alugamento, así como medidas fiscais orientadas a estimular a posta de ben inmobles no mercado do alugueiro.