22 de novembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “resulta paradóxico que o BNG da pancarta e os do non á industria veñan aquí a pedir un pacto pola industria”. Neste sentido, asegurou que “non compartimos a súa estratexia de bloquear calquera alternativa industrial que supoña crecemento, riqueza e emprego que non cumpra cos seus criterios, o que lles leva incluso a pedir o peche de empresas”.
Marta Nóvoa lamentou que o BNG “non cree na iniciativa privada” e, a modo de exemplo, lembrou que “queren pechar ENCE, como fixeron antes con ELNOSA e as centrais térmicas; queren apartar Navantia da construción naval militar; queren evitar a posibilidade de explorar a potencialidade que temos de eólica mariña; están en contra de calquera proxecto industrial de enerxías renovables; e se opoñen frontalmente a calquera proxecto de minería”.
SECTARISMO IDEOLÓXICO
“Unha vez máis, nas propostas dos nacionalistas galegos prima o seu sectarismo ideolóxico, en lugar do servizo público e a solución dos problemas reais dos galegos e galegas”, apuntou.
A viceportavoz popular lembrou que “Galicia conta con máis dunha trintena de proxectos industriais que continúan agardando polos fondos Next Generation que o Goberno de Pedro Sánchez ten bloqueados para a Comunidade galega”. En concreto, referiuse a proxectos de economía circular, enerxías renovables, biotecnoloxía, agroalimentario ou mobilidade do futuro, “proxectos realmente transformadores e maduros, financiables coa realización de PERTES que realmente se axusten ás necesidades do tecido empresarial para os que seguimos sen resposta”.
Ademais, incidiu que “Galicia ten unha Axencia Industrial de cara ao 2030, porque o eido industrial xoga un papel determinante no futuro de Galicia e non se pode estar continuamente demonizando aos empresarios como fan desde o BNG”. “Unha Axenda que no orzamento da Xunta para 2023 contará con 360 millóns de euros, o que supón 7 de cada 10 euros que xestionará a Vicepresidencia Económica do Goberno galego, para acompañar todos os proxectos industriais que están xerando no marco dos Next Generation”.