Santiago, 28 de febreiro de 2022.- O Grupo Popular incidirá no Parlamento de Galicia na necesidade de seguir traballando e avanzando para conseguir a plena igualdade de oportunidades entre homes e mulleres con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo.
O portavoz popular, Pedro Puy, salientou “os importantes avances que acadamos nos últimos anos en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. En concreto, referiuse á reforma lexislativa, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, para garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación; así como o traballo desenvolvido polo Goberno galego a través de instrumentos de planificación como o Plan de conciliación de corresponsabilidade ou o Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
PARTICIPACIÓN DE TODOS OS CIDADÁNS
“Debemos seguir traballando para conseguir a plena igualdade entre homes e mulleres, promovendo as condicións para remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude, así como facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social, independentemente do seu sexo ou condición”, manifestou.
Neste sentido, Pedro Puy sinalou que o Grupo Popular ten rexistradas varias iniciativas no Parlamento galego dirixidas á ampliación dos programas e axudas destinados á inclusión sociolaboral de mulleres; consolidar os programas e recursos especializados dirixidos ás mulleres maiores ou con discapacidade; reforzar as políticas de xénero nas políticas medioambientais e de xestión do territorio; apoiar a promoción profesional das mulleres no ámbito cultural e a visibilización da súa produción artística; fomentar as boas prácticas e a implicación dos medios de comunicación na transmisión de contidos que promovan a igualdade entre mulleres e homes, así como reforzar os mecanismos de denuncia e asesoramento para a boa praxe dirixidos á eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias; realizar campañas institucionais para a concienciación da cidadanía en torno á igualdade entre mulleres e homes; e consolidar a perspectiva de xénero na actividade de planificación e xestión do deporte galego.