8 de novembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, contrapuxo hoxe no Pleno do Parlamento galego o modelo eólico de “paz social que o PPdeG quere para Galicia, co modelo de revolta social que queren desde o BNG, a base de enganar e tratar de meter medo á poboación”.
Deste xeito, criticou que os nacionalistas galegos continúen “instalados nun ecoloxismo radical incomprensible, que o único que busca é que Galicia non avance, senón que retroceda nun ámbito clave, sobre todo no momento de crise enerxética que estamos vivindo”.
Marta Nóvoa salientou que “Galicia ten un modelo eólico propio, sustentable e ordenado, que achega case 500 millóns de euros ao PIB galego e da emprego a máis de 5.000 persoas”. “Este modelo ten levado a Galicia a ser a segunda comunidade autónoma española en xeración de enerxía eólica e hidráulica, e que xa teñamos alcanzados a día de hoxe os obxectivos do Plan Nacional de Enerxía e Clima para 2030, que foi aprobado polo Goberno de España hai dous anos”, engadiu.
300 MILLÓNS DE CANON EÓLICO
“Galicia é unha das comunidades autónomas que dispón dun instrumento de ordenación, como é o Plan Sectorial Eólico, que é plenamente vixente e ten sido avaliado pola Comisión Europea e que, xunto á normativa eólica galega, posibilita que o 77,5 por cento do territorio galego estea blindado fronte a eólicos”, sinalou a viceportavoz popular.
Ademais, Nóvoa sinalou que “temos un modelo con retorno no territorio a través do canon eólico, aprobado por un Goberno do PPdeG, que xa leva recadados cerca de 300 millóns de euros desde a súa posta en marcha”.
A viceportavoz popular arremeteu contra o BNG porque “están en contra de sectores clave para Galicia, como son a minería, a gandería, a enerxía ou o turismo”. “Están en contra de calquera tipo de empresa, sobre todo se é do sector enerxético, e así o demostran falando dunha empresa referente en enerxía renovable e que da emprego a máis de 120 persoas en Galicia”, lamentou.