Santiago, 27 de setembro de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, acusou aos socialistas galegos de “confundir facer política sanitaria con facer politiqueo coa sanidade” e afirmou que “esa confusión nace dunha alarmante falta de ecuanimidade no seu diagnóstico sobre as causas e os problemas que sufre a nosa sanidade”.
“Se queren un debate construtivo, fagan propostas que aplican onde gobernan e respecten ao Goberno galego que está a facer o maior investimento sanitario da nosa historia”, apuntou.
Alberto Pazos asegurou “coincidir cos socialistas na necesidade dun debate sereno, construtivo e alonxado de prantexamentos absurdos sobre a sanidade galega, así como na proposta de mellorar as condicións dos titores MIR, que xa foi aprobada neste Parlamento”.
DESCONFIANZA
Porén, avogou por coincidir en máis acordos pero amosou a súa “desconfianza porque as propostas que realizan os socialistas galegos non se corresponden coas que aplican alá onde gobernan”. “A incoherencia das súas iniciativas é tal que parece que o PSOE da oposición fose un partido radicalmente distinto ao PSOE que goberna”, engadiu.
En concreto, lembrou que os socialistas galegos cuestionan a baixada de actividade asistencial no verán, cando a asumen os responsables da sanidade socialistas de Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura ou Baleares; cuestiona os métodos da Xunta para reducir as listas de espera e propoñen un plan de contratación de médicos de verán que non foi adoptado nin polo Goberno de Pedro Sánchez nin por ningunha das comunidades gobernadas polo PSOE; ou cuestiona o sistema de concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura, que xa é consultado por algún conselleiro de sanidade socialista e deu resultados positivos en concellos como A Guarda, Viveiro, O Rosal ou Ribadeo.