Santiago, 13 de marzo de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou este mércores a “hipocrisía” dos socialistas ao propoñer un debate sobre a transferencia de competencias a Galicia logo de nove meses de desprezo á nosa autonomía desde o Goberno Central. Así, ilustrou a súa afirmación con algún dos “agravios” que perpetrou Pedro Sánchez coa Comunidade, con especial atención á proposta dun recorte do 26 por cento dos fondos asignados nos orzamentos xerais do Estado con respecto ao ano anterior.
Sobre a iniciativa, Tellado lembrou que durante os anos de Goberno Zapatero só se transferían competencias a comunidades gobernadas polo PSOE ou polos nacionalistas; e nos de Goberno Rajoy non se transferiu ningunha competencia a ningunha autonomía, “porque a meirande parte de comunidades estaban intervidas e non podían facer fronte nin ás competencias que tiñan”.
Neste punto, incidiu en que “Galicia foi das poucas que puido manter a súa autonomía financeira naqueles anos, esa é a nosa defensa do autogoberno”, para lembrar que nestes meses de Goberno Sánchez só se lle transferiron competencias a Euskadi. “Hipocrisía pura. Nos anos do PP en Madrid as circunstancias non permitiron transferir nada a ninguén. Nos anos do PSOE, hai transferencias só para os amigos”, subliñou.
MÁIS E MELLOR AUTOGOBERNO
Por outra banda, Tellado lembrou que o PPdeG aspira a máis e mellor autogoberno, conforme ao noso status constitucional de nacionalidade histórica, e se reserva o dereito de valorar se a Galicia lle convén asumir calquera competencia que sexa transferida a outra comunidade autónoma e a establecer as súas propias prioridades neste eido.
Sobre isto, pediulle aos socialistas galegos que non queiran usar o Parlamento como “coartada” do que o Goberno Central non foi quen de acometer nestes meses. “Cando traen esta iniciativa non están pensando en Galicia nin en España, senón unicamente na estratexia de resistencia de Pedro Sánchez”, pechou.