A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, a “incongruencia e dobre moral” de BNG e PSdeG ao criticar a adecuación da residencia de As Gándaras de Lugo ao novo modelo de instalacións impulsado pola Xunta, ao mesmo tempo que o Concello destina 900.000 euros do servizo de axuda no fogar, no que ten 600 persoas en lista de espera, para a compra de cámaras de control de tráfico.
Raquel Arias cualificou o debate no Parlamento galego dunha iniciativa nacionalista sobre as obras na residencia de As Gándaras como “un novo episodio da continua incongruencia na que viven BNG e PSdeG cando falan de prestación de servizos sociais, cuxa trama consiste en defender vehementemente de palabra os intereses de diferentes colectivos para despois, pola vía dos feitos, levar a cabo accións que sempre prexudican a eses mesmos colectivos”.
MAIOR CONFORT PARA OS USUARIOS
Ademais da decisión tomada por nacionalistas e socialistas no Concello de Lugo de destinar 900.000 euros do servizo de axuda no fogar para a compra de cámaras de control de tráfico, a portavoz popular lamentou que “critiquen a xestión indirecta de certos servizos sociais por parte da Xunta cando eles teñen privatizadas todas as residencias da Deputación Provincial de Lugo e o propio servizo de axuda no fogar da cidade lucense”.
“A súa dobre moral chega ao punto de criticar a adecuación de As Gándaras ao novo modelo de residencias da Xunta e esquecer a construción dun aparcadoiro na zona que dea servizo aos veciños desta zona”, manifestou.
Arias explicou que as obras de remodelación que a Xunta está a levar a cabo na residencia pública de maiores de As Gándaras, por un importe de 8,6 millóns de euros, “dotará de maior confort ás persoas usuarias a través da creación de unidades de convivencia para os usuarios, novos espazos de atención sanitaria e unha renovación completa da fachada e as carpinterías exteriores, ademais de mellorar a accesibilidade ao centro e a reorganización dos espazos das habitacións en varias plantas”.
“Os traballos non van supoñer, en ningún caso, unha redución do número de habitacións individuais das que na actualidade dispón a residencia de As Gándaras e, unha vez conclúan os traballos, procederase a distribuír os espazos tratando de respectar as preferencias dos residentes e sempre en función das necesidades dos coidados que ten cada un deles”, subliñou.