Santiago, 17 de xuño de 2022.- A deputada do Grupo Popular Raquel Arias criticou hoxe o “cinismo” de BNG e PSdeG porque “votaron en contra da Lei de impulso demográfico e agora piden o cumprimento da mesma”. Así mesmo, demandoulles que “se de verdade queren contribuír a mellorar as condicións de vida no rural e o asentamento de poboación veñan con propostas serias e deixen a demagoxia”.
Raquel Arias criticou que “quen votaron en contra das casas-niño, das casas do maior ou que os concellos conten con servizos bancarios, pidan hoxe recursos de conciliación e servizos no rural”.
RECORTES NO TRANSPORTE DO RURAL
“Chama poderosamente a atención que, cando PSdeG e BNG suprimen continuamente desde o Goberno central trens que conectan o interior de Galicia entre si e coa meseta ou suprimen as paradas de autobuses no rural galego naqueles servizos que son da súa competencia, veñan hoxe ao Parlamento galego a pedir melloras no transporte do rural”, apuntou.
A deputada popular manifestou que “os galegos merecen unha oposición construtiva, que audite a actuación do Goberno galego, pero con honestidade e coa verdade por diante”. Así, sinalou que “os galegos non merecen unha oposición que, aínda estando a favor de máis do 70 por cento da Lei de impulso demográfico, voten radicalmente en contra dela por puro oportunismo político”.