3 de maio de 2023. A portavoz de Industria do Grupo Popular, Cristina Sanz, criticou hoxe no Parlamento galego “o pesimismo e falta de confianza do BNG no tecido empresarial galego, así como o seu descoñecemento e negacionismo respecto da actuación da Xunta nesta área estratéxica”.
Así, salientou que neste momento en Galicia estanse a crear máis empresas das que se disolven; o índice de confianza empresarial sube un 3,1 por cento, fronte ao 2,7 por cento da media estatal; e o índice de produción industrial medrou en Galicia un 1,5 por cento en febreiro, fronte á baixada do 0,8 en España.
Cristina Sanz lamentou que o BNG “manteña alianzas e comparta políticas cun Goberno que critica e presiona aos empresarios e aos autónomos, ademais de subirlles os impostos e as cotizacións sociais”.
“As empresas españolas soportan unha presión fiscal superior nun 36 por cento á media da Unión Europea, segundo un recente informe do Instituto de Estudos Económicos, ao tempo que soportan unhas cargas ao traballo no entorno do 40 por cento do salario e uns custes laborais unitarios un 8,8 por cento superiores aos do cuarto trimestre de 2019”, apuntou.
RECUPERACIÓN DO EMPRENDEMENTO
A portavoz de Industria referiuse tamén ás conclusións do Informe Executivo GEM Galicia 2021-2022, “que recolle unha visión totalmente diferente á do BNG respecto do fenómeno do emprendemento en Galicia”. Así, este documento pon de manifesto que a actividade emprendedora foise recuperando ao longo do ano 2021 ata acadar unha taxa do 4,8 por cento da poboación, manténdose próxima aos niveis de anos anteriores á pandemia, e incrementándose 0,5 puntos respecto a 2020, especialmente no caso das iniciativas nacentes.
“Adicionalmente, o informe GEM apunta un incremento da poboación con intención de emprender nos próximos tres anos, que se sitúa no 8 por cento da poboación; unido a un aumento de oportunidades percibidas nun entorno post-plandemia”, concretou Cristina Sanz, quen subliñou que estes datos “reforzan a idea dun incremento de confianza por parte da poboación emprendedora e permite prever un maior crecemento desta actividade nos próximos anos”.
Sanz manifestou que “parece que o BNG descoñece todo o que se está a facer por parte da Xunta para o fomento do emprendemento e a consolidación empresarial”. Así, lembrou os programas incluídos na Axenda StarUp ou na Axenda Financeira, ou a extensa batería de medidas adoptadas en consenso cos sectores e froito do diálogo, como a Axenda de impulso ao emprego autónomo 2023-2026 ou a Estratexia galega de Economía Social 2023-2026.
Ademais, no eido do emprendemento, a portavoz popular salientou que ao longo de 2023 se destinarán 18,2 millóns de euros, que permitirán seguir implantando a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, ata chegar a 15 en todo o territorio de Galicia.