Santiago, 16 de marzo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento acusou hoxe no Parlamento ao PSdeG de “pouco respecto” aos técnicos, tanto da Consellería do Mar como das propias confrarías “por desprezar os informes e estudos que realizan periodicamente sobre a evolución dos lombos do Ulla, unha das zonas sometidas ao maior seguimento mariño de toda Galicia”.
Elena Suárez lembrou que “a Consellería do Mar ten un programa de seguimento científico en bancos marisqueiros da ría de Arousa que permite dispoñer de información sobre o estado dos recursos e que foi compartido coas confrarías da zona”. “Deste xeito, a Consellería leva anos facendo estudos da situación dos lombos do Ulla, polo que coñece perfectamente a situación e está preto do sector, dos representantes das diferentes agrupacións e das confrarías, buscando en cada momento solucións adecuadas aos problemas que van xurdindo”, engadiu.
Na súa intervención, a deputada popular referiuse aos diferentes estudos e informes realizados desde o ano 2004, ben directamente a través da Consellería ou en colaboración con organismos como a Fundación CETMAR, Seaga ou o Centro de Investigacións Mariñas. “Para o presente ano 2021 está previsto continuar co seguimento da evolución do estados dos bancos marisqueiros da ría de Arousa, ao tempo que a Consellería é plenamente coñecedora da situación excepcional que está a vivir o sector, xa que leva varias reunións cos seus representantes no que vai de ano na procura de solucións”, indicou.