A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a condonación da débeda “é unha condenación ao contribuínte do resto de España para sufragar a república ensoñada polo independentismo catalán”. “Non cabe maior impunidade, ilegalidade e traizón por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pero o máis triste é que o BNG se preste a esta trampa”, lamentou, para rematar criticando aos nacionalistas galegos “por defender os intereses de Cataluña antes que os intereses dos galegos”.
Cristina Sanz lembrou que a quita da débeda “non deriva dun acordo negociado co conxunto das comunidades autónomas, senón que é un dos peaxes que Pedro Sánchez ten que pagar por ser investido presidente”. “Galicia non se vai someter ás esixencias do independentismo catalán e á folla de ruta do seu chantaxe a Pedro Sánchez, que pasa pola aprobación da chamada condonación da débeda, como paso previo á aprobación do cupo catalán e dunha financiación singular para Cataluña”, asegurou.
CAMBIO DE MANS
Na súa intervención, a viceportavoz popular volveu botar abaixo os argumentos de BNG e PSdeG para defender a quita da débeda. En primeiro lugar, explicou que “a débeda non se condona, non desaparece nin se volatiliza, porque o que fai é cambiarse de mans: se traslada das comunidades autónomas ao Estado e todos os españois pagaremos a débeda xerada polo derroche independentista catalán”.
“Ademais, a quita non implica maior capacidade de gasto, porque se trata dunha operación exclusivamente financeira e o que se aforra en débeda non xera maior marxe de gasto para outras políticas públicas”, sinalou Cristina Sanz referíndose tanto ao propio anteproxecto de lei, á Lei de estabilidade orzamentaria ou a informes de expertos, como a propia AiREF.
Por último, insistiu que “estamos ante un negocio ruinoso para Galicia, porque tería que asumir uns 600 millóns de euros de débeda doutras comunidades autónomas”. “A cada galego se lle reduce a súa débeda autonómica en 1.477 euros, pero pasa a asumir 1.702 euros da débeda estatal, o que supón un incremento de 225 euros de débeda para cada galego”, explicou. Ademais, criticou que a parte que lle conceden a Galicia desta condonación é o 4,8 por cento do total, cando se o reparto se fixera por poboación corresponderíalle o 5,5 por cento ou se fora por poboación axustada sería o 6,7 por cento.