A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, criticou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que “a Xunta estea a aportar máis do 65 por cento do custo da dependencia, cando só lle correspondería o 50 por cento”. Neste sentido, lamentou que o BNG “permita no Congreso que o Estado sufrague o 50 por cento da dependencia no País Vasco mentres que para Galicia destine menos do 35 por cento”.
Raquel Arias salientou que, “a pesar de que o Goberno central debe a Galicia máis de 2.500 millóns de euros para a prestación da dependencia, os gobernos de Feijóo e Rueda conseguiron que se multiplicara por cinco o número de dependentes atendidos, ata superar os 84.000; multiplicar por tres a oferta de prazas de residencias sostidas con fondos públicos; multiplicar por seis as prazas en centros de día; e multiplicar por sete os beneficiarios do servizo de axuda no fogar”.
COMPETENCIA MUNICIPAL
“A Xunta é consciente da importancia do servizo de axuda no fogar, a través do que reciben atención máis de 23.000 persoas con dependencia”, sinalou a portavoz popular, quen lembrou que “se trata dunha competencia municipal por unha lei aprobada polo Goberno bipartito, pero para a que a Xunta aporta este ano 140 millóns de euros”.
Neste sentido, lembrou que a Xunta ten aberto un novo proceso de negociación coa Fegamp para incrementar as aportacións aos concellos, do mesmo xeito que se fixo en 2021, cando se pasou dunha aportación de 9,7 euros a hora aos 12 actuais.