25 de abril de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento que BNG e PSdeG, “en nome dunha falsa transparencia, esixen que se ralentice a compra de fármacos e material sanitario imprescindible para atender aos doentes e salvar vidas”. Neste sentido, asegurou que “cada contrato, cada compra e cada céntimo de gasto sanitario está debidamente fiscalizado”.
Alberto Pazos defendeu a modalidade de contratación menor de produtos sanitarios “pola necesidade de dotar á nosa sanidade de flexibilidade e eficiencia, aplicándose a compras en mercados cautivos, nos que existe un único ofertante e un prezo previamente taxado”. Deste xeito, lembrou que a contratación menor tamén “está a ser usada polas demais comunidades autónomas e incluso polos concellos “en maior medida que o está a facer o Goberno galego”.
“O problema é que BNG e PSdeG están inmersos nunha campaña de demagoxia incompatible coa verdade, incompatible coa súa forma de gobernar e incluso incompatible coas súas propias promesas”, manifestou Alberto Pazos, quen cuestionou “como é posible pedir a centralización de compras ao mesmo tempo que esixen crear xerencias de atención primaria con capacidade orzamentaria?”.
Deste xeito, afirmou que “viven en permanente contradición, tentando presentarse como adalides da sanidade pública cando a realidade é que nunca a sanidade privada se beneficiou máis dos cartos públicos que cando gobernaron socialistas e nacionalistas”. Pazos recordou que “en catro anos aumentaron os concertos coa sanidade privada un 50 por cento”, ao tempo que “blindaron o concerto con POVISA e asinaron que o novo hospital de Vigo non provocaría perda de negocio ao hospital privado”.