Santiago, 9 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Manuel Santos criticou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “estean a falar xa de desmantelamento e demolición da factoría de ENCE en Pontevedra sen ter ningunha alternativa e sen contemplar ningunha solución”. “Se ENCE se pecha, o BNG e o PSdeG serán os responsables do futuro dos miles de traballadores desta empresa e as súas familias”, sinalou.
Manuel Santos subliñou que o Consello Consultivo “emitiu un informe onde queda moi claro que é viable poder adscribir os terreos de ENCE ao porto de Marín”. Neste sentido, apuntou que este informe “incide na posibilidade de poder dar unha solución xurídica a este problema, que agora dependerá da vontade política do Goberno de España para poder asegurar os milleiros de traballos que dependen desta empresa”.
CONTRADICIÓN DO PSOE
“Levan moitos anos insistindo no peche da fábrica de Lourizán e o único argumento claro que teñen é que non lles gusta ter a fábrica aí, pero nunca aportaron ningunha alternativa, nunca buscaron unha solución e non lles preocupa en absoluto o que lles poida pasar aos miles de traballadores e familias que dependen dela”, sinalou.
Santos sinalou que o BNG “atopou no PSOE o perfecto compañeiro de viaxe, xa que fixo todo o posible desde que chegou ao Goberno de España para facilitar o peche de ENCE e dar cumprimento ao pacto de goberno que asinaron cos nacionalistas”. Porén, criticou que “o PSOE non ten ningún problema en defender a pasteira de Navia, pero ese mesmo Partido Socialista quere pechar a fábrica de Lourizán”.
Na súa intervención, o deputado popular reiterou que “a nós tampouco nos gusta a localización desta empresa, pero despois de tantos anos aí e de saber que actualmente cumpre con todos os parámetros medioambientais e de seguridade, o que non se entende é por que se teñen que mandar ao paro a todos eses traballadores”.
Manuel Santos concretou que o tráfico de pasta de papel de ENCE supón máis de 12.000 portes de camión ao ano e se exporta a totalidade da produción da fábrica de Lourizán a través do porto de Marín, supoñendo máis do 20 por cento do tráfico portuario total. “Polo tanto, para o porto de Marín sería moi importante poder adscribir eses terreos ao dominio público marítimo portuario”, indicou.