22 de xuño de 2023. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Parlamento de Galicia que BNG e PSdeG “sigan co mesmo mantra de cada ano alarmando sobre a dotación de recursos humanos e materiais para a atención sanitaria nestes meses veraniegos, en vez de facer políticas sanitarias máis construtivas e produtivas”.
Neste sentido, lembrou que o SERGAS “leva a cabo unha planificación sobre cal será a ocupación prevista de camas, tanto por ingresos médicos como os derivados da actividade cirúrxica, prevendo incorporar as medidas necesarias para ampliar a capacidade de camas funcionantes de ser necesario”.
Encarna Amigo explicou que o SERGAS “planifica todos os anos a adecuación dos recursos tendo en conta a demanda asistencial, sempre en función da morbilidade de determinadas patoloxías e mantendo operativos os recursos adaptados a esta realidade”. Esta planificación elabórase tras un estudo no que se ten en conta a frecuentación en anos anteriores das distintas áreas hospitalarias e en cada área sanitaria concreta, “á que se lle engade unha marxe de seguridade por riba da ocupación real de entre un 10 e un 12 por cento, que garante a correcta atención sanitaria dos pacientes”.
EFICACIA E CORRECTA UTILIZACIÓN DOS RECURSOS
“É responsabilidade dun goberno serio adoptar as medidas de xestión que preserven a eficacia e a correcta utilización dos recursos”, incidiu a portavoz popular, quen engadiu que “estas estimacións de ocupación, xunto as dos permisos vacacionais, son as que se aplican na xestión para poder facilitar as vacacións regulamentarias, así como os permisos e licenzas solicitados polos profesionais”.
Así mesmo, Amigo apuntou que este tipo de planificación e xestión sanitaria “non é unha peculiaridade do sistema sanitario galego, senón que se trata de algo que se fai tamén todos os anos en todos os servizos de saúde de España”, e puxo de exemplo declaracións realizadas por conselleiros socialistas de Cantabria, Castela-A Mancha ou Estremadura defendendo esta planificación de medios durante os meses de verán.