Santiago, 9 de abril de 2019.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, criticou que En Marea propoña implantar unha renda social galega “que se queda moi lonxe do que xa temos coa novo modelo da renda de inserción social de Galicia, que supón ademais unha auténtica ferramenta para a inserción laboral, na liña das recomendacións que fai a Comisión Europea”.
Marta Rodríguez explicou que esta nova proposta de En Marea “cambia a súa proposta do pasado mes de decembro para crear unha renda básica universal, sen distinguir entre cidadáns con recursos ou sen recursos, para posicionarse agora por unha renda social para as persoas que carecen de recursos económicos”. “En definitiva, o que vén sendo a Risga, pero con menores prestacións tanto económicas como de inserción laboral”, subliñou.
INCREMENTO DAS CONTÍAS E COMPAXINA CON INGRESOS LABORAIS
Na súa intervención, a portavoz popular salientou que “o novo modelo de Risga implantado en Galicia, froito do consenso e das achegas das entidades sociais que traballan no eido da inclusión social, incrementa as contías desta renda social e establece a posibilidade de compaxinala cos ingresos laborais”.
Así, lembrou que a nova Risga “supón un importante incremento das prestacións que perciben preto de 10.000 galegos e para acceder a esta renda xa non é preciso estar en situación de desemprego, porque é compatible cos ingresos dun traballo ou con outras axudas de inclusión para a compra de alimentación, roupa ou enxoval doméstico”.
“Para computar se unha persoa ten dereito a percibir a Risga, só computarán os ingresos que efectivamente se cobren, ao tempo que se abre a porta a que convivan nun mesmo domicilio dúas unidades familiares que perciban esta renda, e ambas poderán recibir tamén o complemento por alugueiro”, apuntou.