Santiago, 18 de decembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou esta tarde no Parlamento que En Marea “traia a debate no Pleno unha proposición de lei sobre provisión de postos de xefatura e coordinación do Servizo Galego de Saúde que copia artigos enteiros de normativa xa en vigor, que incluso é moito máis detallada que a proposta de En Marea”.
“A actual regulación específica dos procedementos de provisión de postos de xefatura e responsabilidade do Sergas xa recollen en termos idénticos ou substancialmente similares os aspectos relativos aos principios, réxime xeral, procedemento e comisión de avaliación, convocatoria, requisitos das persoas aspirantes e avaliación do desempeño da xefatura contidos da proposición de lei de En Marea”, concretou.
COMISIÓN TÉCNICA ESPECIALIZADA
Aurelio Núñez lembrou que “toda a normativa aplicable en Galicia para a cobertura destas prazas foi desenvolvida e posteriormente modificada nos anos do Goberno bipartito: tanto o decreto 206/2005 como a súa reforma polo decreto 236/2008”. “Curiosamente, esta modificación incrementaba a porcentaxe da fase de concurso ata un 45 por cento nos concurso-oposición, cando no decreto se limitaba ao 30 por cento”, sinalou.
Respecto da elección dos membros das comisións de avaliación, o portavoz popular considerou “lóxico que a avaliación colexiada das persoas candidatas ás xefaturas sanitarias sexa feita por unha comisión técnica especializada nomeada polo órgano convocante, de acordo coas súas potestades de organización normativa e xurisprudencialmente recoñecidas”.
“A designación das persoas que formen parte dos tribunais de selección parte dun principio esencial: garantir a súa idoneidade para avaliar os coñecementos e aptitudes dos aspirantes en relación coas características das prazas convocadas”, sinalou.