O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor criticou hoxe que “ningún dos tres voceiros do BNG que interviñeron esta mañá no Pleno do Parlamento galego amosara a súa condena expresa ao ataque sufrido esta fin de semana pola conselleira de Medio Ambiente e pola súa familia a través de persoas próximas ao nacionalismo galego”. Sobre o expediente do proxecto de Altri en Palas de Rei, Trenor insistiu que “a autorización é un asunto técnico que dependerá dos expertos e do persoal funcionario da Xunta”, polo que demandou “deixalos traballar con tranquilidade e evitar calquera tipo de presión política sobre eles”.
“En política non vale todo”, dixo o deputado popular, quen rexeitou expresamente “o acoso ás familias, as coaccións, os insultos, a manipulación ou a difusión de bulos que se están a facer en relación co proxecto de Altri”. Neste sentido, amosou a “rotunda condena ao ataque que sufriu a conselleira de Medio Ambiente e a súa familia esta fin de semana no seu domicilio por persoas que foron nas listas do BNG e que teñen un completo álbum de fotos coa señora Pontón”. Porén, lamentou que “ningún dos tres do politburó do BNG que falaron esta mañá no Pleno tiveron a máis mínima palabra de apoio coa conselleira”.
RESPONSABILIDADE
Gonzalo Trenor afirmou que no BNG “son profesionais da manipulación, do engano e da difusión de bulos, inventando argumentos pseudocientíficos para poñer á xente en contra do proxecto de Altri, porque necesitan alterar a realidade para que o seu discurso chegue á cidadanía”.
“Non é propio dunha democracia as presións que están a facer a través do seu sindicato machista para dobregar a independencia dos expertos e funcionarios que traballan neste expediente”, sinalou o deputado popular, quen demandou “responsabilidade para trasladar á sociedade que os técnicos da Administración informan baixo premisas técnicas e non atendendo a presións de partidos políticos”.