Santiago, 22 de xuño de 2017.- O portavoz de Montes do Grupo Popular, Silvestre José Balseiros, criticou hoxe que o BNG “enrede solicitando datos no Parlamento que xa están publicados na plataforma de contratos públicos da Xunta de Galicia a disposición de todos os cidadáns”. “Apostamos polo cumprimento da Lei de contratos do sector público e da Lei de transparencia e bo goberno, como ben sendo habitual e norma inquebrantable do Goberno da Xunta”, asegurou.
Balseiros explicou que “a información sobre os incendios, a perigosidade, os medios utilizados ou as hectáreas queimadas é constante, áxil, transparente e, sobre todo contrastada”. “Exactamente igual que o resto dos temas sobre os que o BNG pide que se cuadriplique a información coa creación de novas páxinas web”, apuntou.
SEN APOIO NACIONALISTA
“O Goberno do PPdeG puxo en marcha unha plataforma de contratos de Galicia na que se colgan todos os pregos e datos das licitacións públicas, á que o BNG votou en contra”, lembrou o portavoz popular. Neste sentido, Silvestre José Balseiros engadiu que os nacionalistas tamén votaron en contra “dunha proposta de resolución aprobada no último Debate sobre o Estado da Autonomía que solicitaba a mellora da transparencia nos procedementos negociados e que motivou que a Xunta aprobara unhas cláusulas que contemplan que as distintas empresas poidan coñecer, logo da primeira fase, as características esenciais das ofertas das súas competidoras”.
Así mesmo, e con estes antecedentes, Balseiros manifestou que “non nos sorprende que tampouco apoiaran a Lei de transparencia aprobada o pasado ano neste Parlamento, unha norma que garante os mecanismos de control directo pola cidadanía da actividade pública e sitúa a Galicia por diante no mapa autonómico”.