O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o BNG “fale de reto demográfico mentres boicotean o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia”. “Se queremos que a xente quede en Galicia e que outros veñan, mellorando demograficamente esta terra, non basta con mellorar cada ano a aportación aos concellos desde a Xunta, porque tamén compre facilitar que novas empresas se implanten e que as empresas existentes sigan investindo e creando emprego”, anotou.
Argimiro Marnotes manifestou que “falar de mecanismos de reto demográfico negándose si ou si á implantación de novas industrias xeradoras de emprego é dicir claramente que ao BNG lle importa absolutamente nada o reto demografico”. Neste sentido, acusou aos nacionalistas galegos de “pretender impoñer o bloqueo ideolóxico que impide o progreso e pon en perigo o emprego e o incremento da poboación”.
IGUALDADE DE TRATO
O deputado popular salientou que “todos os concellos de menos de 15.000 habitantes xa son considerados como municipios en situación prioritaria para a Xunta, de aí que no reparto de fondos sexan os primeiros beneficiarios”. Neste sentido, explicou que “o carácter xeral de reparto garante a igualdade de trato entre os concellos de Galicia e o cumprimento da normativa de subvencións, sendo o sistema xeneralizado o de concorrencia competitiva”.
“Galicia conseguiu frear as previsións de perda de poboación e gañar poboación ata superar os 2,71 millóns de habitantes, acadando unha esperanza de vida no máximo histórico de 83,62 anos”, indicou Marnotes. Así, salientou que “a Xunta é consciente de que para seguir mellorando as cifras demográficas é fundamental ofrecer facilidades ás familias, intensificando medidas como a gratuidade das escolas infantís e universidade, a tarxeta Benvida, a posta en marcha de máis de 100 casas-niño e máis de 140 casas do maior, o Bono Concilia e os beneficios para as familias numerosas e monoparentais”.