Santiago, 10 de febreiro de 2021.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, criticou hoxe que o BNG pretenda “instrumentalizar e politizar” o Consello Galego de Pesca coa incorporación de representantes dos grupos políticos no seu pleno e nas comisións sectoriais.
“Mentres o PPdeG siga gobernando en Galicia, este organismo seguirá sendo independente e con liberdade para decidir e aportar as propostas que considere oportuno para a mellora do noso sector pesqueiro”, apuntou.
Fronte a esta solicitude do BNG, que foi rexeitada cos votos do Grupo Popular, Teresa Egerique demandou que o Consello Galego de Pesca informe ao Parlamento “dos resultados e dos traballos que realice”, así como que “dea traslado á Cámara galega das decisións, ditames e argumentos sinalados nos seus plenos e comisións sectoriais onde se aborden cuestións relacionadas co Brexit e as súas consecuencias para o sector pesqueiro galego”.
90% REPRESENTENTES DO SECTOR
“O BNG quere impoñer, a través dun acordo deste Parlamento, a presenza de representantes políticos no Consello Galego de Pesca, un organismo independente no que o 90 por cento dos seus membros son elixidos por eles mesmos entre representantes do sector”, indicou.
Porén, o Grupo Popular apoiou a aprobación de varios puntos da proposición non de lei do BNG a través dos que se demanda á Xunta levar a cabo sen dilación todos os trámites necesarios diante do Goberno de España para o recoñecemento de Galicia como ‘zona altamente dependente da pesca’, como medio para unha maior protección do sector e para a mellora do seu acceso ás cotas de pesca e ao financiamento da súa actividade produtiva.
Así mesmo, demándase ao Goberno central a realización de todas as xestións precisas para promover a revisión do chamado “principio de estabilidade relativa” no seo da Unión Europea, como garantía dun reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país; así como o recoñecemento da capacidade directa de negociación de Galicia, da súa participación e consentimento naquelas cuestións de especial relevancia para a súa economía, nomeadamente en materia pesqueira.
Por último, solicítase programar e levar a cabo plans de continxencia e de apoio económico e social para o sector pesqueiro e as zonas máis afectadas polo recente acordo entre a UE e o Reino Unido que palíen as consecuencias puntuais máis inmediatas do mesmo.