A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o BNG “repita cada ano o seu discurso apocalíptico” sobre a atención sanitaria no verán en Galicia, “cando a verdade é que o Goberno galego traballa e traballa con rigor, e este ano, coa boa experiencia acadada en 2024, investirá máis de 12,1 millóns de euros nos servizos asistenciais da atención primaria durante o verán”.
Encarna Amigo salientou que o plan estival de cobertura sanitaria implantada pola Xunta o pasado ano “non só permitiu manter o número de consultas en atención primaria e das probas diagnósticas, senón que tamén posibilitou que se operase máis e se realizaran máis patoloxías prioritarias”.
8% MÁIS DE CIRURXÍAS E 6% MÁIS DE URXENCIAS HOSPITALARIAS
En concreto, dixo que o reforzo dos servizos sanitarios durante o pasado verán fixo posible que se puidesen realizar 1.400 cirurxías máis, o que supón un incremento do 8 por cento respecto do ano anterior; e se incrementará un 6 por cento a atención de urxencias hospitalarias ou a atención urxente nos PAC.
“A planificación está feita nas sete áreas sanitarias e incorpora reforzos nos centros e nos PAC das zonas con máis influencia turística, como leva facendo o Sergas cada verán con éxito”, indicou a portavoz popular, quen concretou que “cóntase xa con 264 profesionais voluntarios para reforzar estes dispositivos”.
A portavoz popular asegurou que “as camas hospitalarias non se pechan e están todas dispoñibles” e afirmou que “estarán operativas case o 92 por cento das camas durante este verán, unha porcentaxe superior á do ano pasado”. “O que se fai é unha planificación eficiente, porque no verán baixa a demanda de atención hospitalaria e esa organización permite garantir calidade asistencial e eficiencia na xestión dos recursos”, explicou.