O deputado do Grupo Popular Víctor Baladrón criticou hoxe no Parlamento de Galicia que o BNG “intentara torpedear desde o principio a creación das casas-niño no rural galego e agora, cando ven que é útil e esta iniciativa está ben valorada, pretenden apropiarse del politicamente”.
“As casas-niño son unha ferramenta fundamental para a conciliación no rural, e convertéronse nun exemplo do que representa esa Galicia que funciona: unha Galicia que non se resigna, que aposta pola calidade de vida nos concellos pequenos, que da apoio ás familias e que permite que moitos profesionais desenvolvan un proxecto vital sen ter que marchar”, sinalou o deputado popular.
Víctor Baladrón lembrou que as casas-niño naceron en Galicia en 2016 co obxectivo de ofrecer unha alternativa de conciliación real e próxima ás familias do rural galego, en concellos de menos de 5.000 habitantes onde non é viable abrir unha escola infantil tradicional. “Trátase dun modelo pioneiro en España que a día de hoxe xa supera as 100 casas-niño activas e que da servizo a máis de 500 familias”, destacou.
Así mesmo, afirmou que, segundo se recolle na orde publicada o pasado 20 de xaneiro, a continuidade das casas-niño “está totalmente garantida, como mínimo, ata o 2028, cun investimento total de 10,5 millóns de euros”.