Santiago, 1 de xullo de 2021.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou hoxe que o BNG “utilice as políticas de memoria histórica como ferramenta partidista para poñer en dúbida a lexitimidade democrática das institucións, para cuestionar a calidade democrática ou para deslexitimar o proceso de transición democrática”.
“Do mesmo xeito que non compartimos que se pretenda confundir o dereito das familias a coñecer o paradoiro das vítimas de represión e as circunstancias do seu asasinato, co dereito a establecer unha verdade histórica oficial, única e incuestionable”, engadiu.
Alberto Pazos reiterou que “a postura do PPdeG respecto da memoria histórica é ben claro: escrupulosa observancia da legalidade; colaboración entre administracións para posibilitar a devolución dos restos mortais das vítimas de represión ás súas familias, cando así o desexen; e diálogo sereno para estudar e aplicar calquera medida que permita avanzar na superación das feridas da Guerra Civil e da ditadura”.
“Por este motivo, o Goberno galego está a cumprir as regras que a lexislación lle impón en materia de memoria histórica, a prestar colaboración para desenvolver o programa de exhumación de foxas desenvolvido pola Secretaría General de Memoria Histórica, e participando decisivamente na recuperación de bens como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac”, manifestou.