A deputada do Grupo Popular Dolores Hermelo asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a única administración que está a ser un obstáculo para a reversión aos concellos da titularidade dos terreos portuarios sen utilización marítimo-pesqueira é o Goberno de España” e afirmou que “a Xunta está a traballar na tramitación da desafectación de zonas portuarias en consenso cos concellos”. Neste sentido, indicou que a declaración da Lei galega do litoral como plenamente constitucional “abre un novo marco para impulsar este proceso de reversións”.
Dolores Hermelo manifestou que a reversión destes terreos portuarios “é un traballo que se debe acometer entre todas as partes” e concretou que “hai interlocución e un proceso aberto entre a Xunta e os concellos galegos, pero a única administración que non aparece neste diálogo é Costas do Estado, é dicir, o Goberno central”.
MÁIS DE 450.000 METROS CADRADOS
“A Xunta mantén o compromiso de avanzar neste proceso de reversión de terreos e xa o está a facer coa Federación Galega de Municipios e Provincias”, dixo a deputada popular, quen concretou que “estamos a falar de máis de 450.000 metros cadrados que se poderán destinar a uso da cidadanía, cun valor de máis de 12 millóns de euros”.
Así mesmo, recoñeceu que a reversión “é un proceso longo e dependente da Administración central” e lembrou que a Xunta “leva máis de 30 anos con algún destes procesos aberto, esperando que o Goberno central proceda á súa tramitación, como é o caso de Cariño, Ponteceso ou Porto do Son”.
A deputada popular afirmou que a transferencia a Galicia das competencias sobre o litoral “é un empurrón a este proceso porque abre un novo marco que impulsa as reversións”. “Esta norma fará moito máis eficiente o proceso de regularización e deslinde de superficie portuaria a favor dos concellos, un novo escenario que se abre gracias ao traballo e bo facer do Goberno galego”, rematou.