Santiago, 27 de abril de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe no Parlamento galego que os socialistas “traian a debate iniciativas impracticables”, como a solicitude para que a Xunta rebaixe o imposto de hidrocarburos cando se trata dun gravame estatal. Ademais, afirmou que “a Xunta non se beneficia da variación de prezos nin dos impostos sobre os combustibles, porque toda esa variación queda en mans do Estado”.
Pedro Puy explicou que Galicia recibiu este ano 555 millóns de euros como entregas a conta pola recadación prevista do imposto sobre hidrocarburos, “unha cantidade que foi comunicada no seu momento, incluída nos orzamentos deste ano e atribuída a partidas de gasto”. “Agora, os socialistas pretenden que a metade dese gasto o saquemos sen dicir que gastos queren recortar, para dedicalo a axudas”, apuntou.
IVE INCLUÍDO NOS ORZAMENTOS
Ademais, sinalou que da recadación extra do IVE que se está a producir a consecuencia do incremento da inflación “Galicia non vai recibir nada este ano, porque o que recibimos como compensación territorializada xa está incluída nos orzamentos de 2022”.
O portavoz popular apuntou, para rematar, que “Galicia nin sequera recibe o 50 por cento da recadación do IVE na Comunidade Autónoma, xa que as últimas subas que fixo o Estado neste imposto quedan enteiramente nas súas mans, polo que unicamente estamos a recibir o 35 por cento”.