Santiago, 4 de febreiro de 2020.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou hoxe que o Grupo Socialista rexeitara esta tarde no Pleno do Parlamento solicitar ao Goberno de España a eliminación da taxa de reposición para o persoal do sistema sanitario. “Non permitiu a votación deste punto da súa moción, a pesar de que esta demanda xa foi aprobada en varias ocasións no Parlamento galego desde 2017, co voto favorable do Grupo Popular e gobernando Mariano Rajoy”, apuntou.
No debate dunha moción sobre o cumprimento das conclusións do informe elaborado polo grupo de expertos en atención primaria, proposto polos colexios e sociedades científicas, Aurelio Núñez afirmou que “as medidas urxentes xa están contempladas no Plan galego de atención primaria e atópanse en execución” e amosouse seguro de que “o Goberno galego vai asumir as conclusións do informe que permitan afrontar as realidades da atención primaria de xeito coherente co Plan 2019-2021”.
O documento subliña que “Galicia é unha das comunidades que avanzou fondamente no desenvolvemento da súa sanidade”, aínda que se focaliza na detección das áreas de mellora existentes. Ademais, indica que “o modelo actual de atención primaria aportou proximidade, accesibilidade, xustiza social, profesionalidade e orde ao global do sistema sanitario”, defendendo as áreas sanitarias como modelo de xerencia territorial e integral que está sendo a base de melloras nas relacións entre primaria e hospitalaria.
Neste sentido, o portavoz popular lembrou que “outras suxestións como o peche de PACs e a integración dos seus profesionais nos equipos de atención primaria xa foron propostas polos socialistas nun documento elaborado durante o Goberno bipartito”, polo que cuestionou se na actualidade “os socialistas galegos queren volver agora a aquel documento e pechar os consultorios periféricos nos concellos?”.