A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento que “os socialistas galegos falen de garantir cita en 48 horas en atención primaria esquecéndose que o principal inconveniente é a falta de médicos, especialmente de familia e pediatría”. “Parten dun diagnóstico errado, evitando deliberadamente identificar as causas reais dos problemas e pretenden impoñer medidas que, alén de imposibles, son profundamente demagóxicas”, indicou.
Encarna Amigo sinalou que a proposición de lei defendida hoxe polos PSdeG no Pleno sobre a mellora na atención primaria “é o reflexo máis claro da súa desconexión coa realidade da sanidade galega, non só porque non achega solucións reais, senón porque repite, punto por punto, unha proposta que xa foi rexeitada hai tres anos”.
MÁIS RECURSOS E PROFESIONAIS
“A sanidade pública galega ten hoxe máis recursos e máis profesionais que nunca e conta cunha planificación e xestión que permite garantir unha asistencia de calidade en tempo e forma ao conxunto da poboación en calquera circunstancia”, asegurou a portavoz popular.
Respecto da proposición de lei do PSdeG para garantir cita en 48 horas en atención primaria, Encarna Amigo subliñou que “ningunha comunidade autónoma gobernada polo PSOE promoveu unha lei destas características, e tampouco o Goberno central aplica esta media en Ceuta e Melilla, cunha sanidade xestionada directamente pola Administración central”.
A portavoz popular incidiu que “o principal problema da sanidade galega e española á a falta de médicos, especialmente de medicina de familia e pediatría, un problema que afecta a todas as comunidades autónomas, gobernadas por quen sexa e que leva anos sen resposta por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
SETE ANOS, SEIS MINISTROS DE SANIDADE
“Levamos sete anos con seis ministros de sanidade socialistas e ningún deles foi quen de impulsar unha solución real ao déficit de profesionais”, lamentou a portavoz popular, quen destacou que “mentres tanto en Galicia a Xunta fai o que está na súa man: estabiliza persoal, crea prazas, mellora as condicións laborais e mantén a atención primaria operativa mesmo nas zonas de máis difícil cobertura”.
Froito destas medidas, Amigo afirmou que “a sanidade galega ten unha das taxas máis baixas de eventualidade e un dos maiores índices de estabilidade en atención primaria”, polo que manifestou que “non se pode falar de precariedade cando o 92 por cento dos médicos de familia son fixos”.
Para rematar, Encarna Amigo criticou que os socialistas galegos “esixan contratar máis médicos que non existen, cando, ademais, intentaron boicotear a lei de provisión de prazas de difícil cobertura que ten permitido que centros de saúde, sobre todo das zonas máis despoboadas, teñan hoxe profesionais”. Ademais, salientou que a Xunta acaba de aprobar unha OPE de 3.460 prazas, 2.000 máis das previstas, para aumentar a estabilidade e reforzar todos os ámbitos do Servizo Galego de Saúde.