A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado, seguindo a súa máxima de ti invitas e os demais pagamos”.
“A diferenza entre o modelo de vivenda da Xunta e do Goberno de Pedro Sánchez está clara, porque mentres o Goberno galego triplica os orzamentos en vivenda, o Goberno de Sánchez nin sequera aproba os seus; mentres a Xunta da axudas directas de ata 20.000 euros para que os menores de 36 anos merquen a súa primeira casa, o Goberno de Sánchez protexe aos que lla okupan; mentres a Xunta aproba dúas liñas de avais para facilitar a compra de vivenda, o Goberno de Sánchez nin executa os avais que prometeu; e mentres a Xunta traballa por duplicar o parque público de vivenda, o Goberno de Sánchez non construíu nin unha das miles que prometeu”, indicou Nicole Grueira.
Ademais, criticou que “foi o Goberno de Pedro Sánchez o que recortou á metade os fondos do bono alugueiro que lle correspondían a Galicia, cuestión que se agravou en 2024 porque nin sequera programou o bono ese ano, obrigando á Xunta a poñer 10 millóns de euros de fondos propios para compensar a súa incompetencia”.
Nicole Grueira destacou que “fronte a ese modelo do Goberno de Pedro Sánchez hai unha Xunta que actúa con medidas para axudarlle á xente nova a acceder a unha vivenda digna”, citando en concreto medidas como as bonificacións fiscais, as axudas directas, os aloxamentos compartidos, a reserva do 40 por cento das novas vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos, os avais que cobren o 20 por cento da hipoteca ou o bono emancípate.