Santiago, 22 de decembro de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Grupo Socialista “traia unha iniciativa para o seu debate sobre transparencia e loita contra a corrupción e todo aquilo que pide xa está aprobado e en execución”.
Paula Prado amosou a súa sorpresa porque os socialistas, “nunha iniciativa sobre transparencia e loita contra a corrupción non fagan ningunha mención a un caso de tanta transcendencia e actualidade como é a condena polo enchufe á cuñada de Carmela Silva”. “Se de verdade queren traballar pola transparencia e loitar contra a corrupción, agardábamos unha reprobación expresa a estes feitos e á actual presidenta da Deputación de Pontevedra, e non premiala como veñen de facer os socialistas elevándoa ata a Presidencia do PSdeG-PSOE”, indicou.
CONCORDANCIA
Na súa intervención, a viceportavoz lamentou que os socialistas “parecen esquecer que, se hai algo no que concordamos todas as forzas políticas, é na posta en marcha de ferramentas para a mellora da calidade da administración autonómica e para ampliar a transparencia e loitar contra a corrupción”.
De feito, lembrou que foi o Goberno do PPdeG quen promoveu un paquete de medidas novidosas, debatidas e aprobadas neste Parlamento en pasadas lexislaturas e en moitos casos apoiadas polos socialistas, dirixidas a regular o financiamento dos partidos, unha lei de transparencia, unha lei de participación cidadá, unha lei de asesoría xurídica e unha lei de prevención da corrupción que reformou a Lei do Consello de Contas.
“En materia de transparencia e loita contra a corrupción, os socialistas van detrás da acción do Goberno galego”, salientou Paula Prado, quen incidiu que “nos avergoñamos dos delincuentes que aproveitan as nosas siglas e a nosa confianza para lucrarse a costa dos cidadáns”. “Ogallá os socialistas foran igual de contundentes á hora de censurar as actitudes e feitos tan pouco exemplares nas súas filas”, rematou.