A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os socialistas “utilicen a causa nobre do colectivo LGTBI para dividir, en lugar de para construír unha sociedade máis inclusiva”. Neste sentido, lamentou que rexeitaran consensuar unha iniciativa parlamentaria para intensificar as medidas dirixidas a este colectivo, crear unha canle de denuncias sobre discriminación e acoso LGTBI ou elaborar máis guías de boas prácticas e formación en diversidade.
Noelia Pérez criticou “a incongruencia dos socialistas galegos ao apartarse da liña do feminismo do PSOE nacional, presentando unha iniciativa neste Parlamento para defender os dereitos LGTBI incluíndo a Q, a mesma letra que borraron no seu Congreso Federal de hai so catro meses”.
Neste sentido, afirmou que “pretenden instrumentalizar, unha vez máis, a loita polos dereitos das persoas LGTBI, chegando a ser incoherentes co que o Partido Socialista practica e reclamando aquí o que non fan onde gobernan”. En concreto, sinalou que piden un delegado LGTBI en cada consellería cunha titulación específica, cando “teñen 22 ministerios no seu Goberno de España e non contan en ningún deles con este delegado específico”.
POLÍTICAS ÚTILES
“As políticas útiles que serven de apoio ás persoas LGTBI non se defenden con palabras, senón con feitos”, indicou a deputada popular, quen subliñou que a Xunta “apoia e financia proxectos para visibilizar, educar, formar e previr a discriminación deste colectivo; con convocatorias públicas, campañas de sensibilización e programas educativos; e con protocolos e guías”.
Por este motivo, lamentou que os socialistas rexeitaran un acordo para que a Xunta intensifique as medidas dirixidas ao colectivo LGTBI; crear unha canle de denuncias sobre discriminación e acoso LGTBI; manter e intensificar a elaboración de guías, exemplos de boas prácticas ou cursos formativos de diversidade; elaborar ao Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero os informes e estudos realizados en materia de diversidade laboral LGTBI; e ofrecer formación específica sobre LGTBI ás persoas responsables de Igualdade de cada Consellería para facer seguimento das políticas transversais en materia de diversidade laboral.