Santiago, 22 de marzo de 2019.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega considerou hoxe “un despropósito” que os socialistas galegos pidan no Parlamento “que se negue ao sector marisqueiro a extracción de ourizo mariño, cando eles permitiron na súa etapa no Goberno galego que afeccionados recolleran esta especie, provocando un impacto negativo neste recurso e contribuíndo a súa escaseza”.
Neste sentido, o Grupo Popular apoiou a aprobación no Parlamento dunha proposición non de lei solicitando que a Consellería do Mar continúe realizando o informe anual sobre as posibilidades de extraer ourizo mariño na Mariña lucense.
Daniel Vega criticou que o PSOE “presuma da importancia de facer do mar un espazo de oportunidades, pero en realidade traia ao Parlamento iniciativas que pretenden negar a un grupo de traballadores a oportunidade de aproveitar os recursos que o mar ofrece, como neste caso acontece coa captura e a comercialización do ourizo mariño”.
“Sempre que haxa no mar ourizos suficientes e sempre que o recurso sexa sustentable, e logo de constatar que non hai interese por parte das confrarías de explotalo, nin desde o Goberno galego nin desde o PPdeG negaremos a ninguén que traballe na extracción deste recurso”, asegurou.
Ademais, o deputado popular demandou ao grupo socialista que “non minta nin intente confundir, porque a asociación Aresmar, que se encarga da extracción do ourizo, non é unha entidade privada, senón unha asociación de mariscadores rexistrada e recoñecida, integrada por armadores pertencentes a confrarías de Celeiro e do Vicedo da zona IX”.
XESTIÓN IMPRUDENTE DO BIPARTITO
Vega lembrou “un exemplo de xestión imprudente e lesiva a decisión do Goberno bipartito de autorizar, nos anos 2008 e 2009, a extracción de ourizo mariño a pescadores afeccionados, que tivo unhas repercusións desastrosas nesta especie”.
Ademais, o deputado popular recalcou que o apoio a esta iniciativa responde a que “o que demanda o PSOE é simplemente realizar o que se ven facendo todos os anos antes de autorizar os plans de explotación, é dicir, ver se hai recurso e aprobar a súa explotación de forma sostible”.
Vega destacou que ”isto vense facendo desde hai máis de 20 anos e sempre se respectou a sostibilidade da explotación dos recursos, xa que se basea en análises técnicas e científicas baixo criterios dos biólogos”. “Os únicos anos cando non se respectou foron os do Goberno do bipartito, onde as premisas políticas se impuxeron aos criterios técnicos e se aprobou unha explotación non sostible do recurso por parte dos afeccionados”, lembrou.